domingo, 25 de abril de 2010

11: Waltz for Debby, Bill Evans.

Bill Evans, pianista estadounidense de Jazz (1929-1980).
É considerado un dos mellores pianistas da historia da música, non so do jazz.

Lembrade a primeira publicación desta sección, sobre Miles Davis e o seu disco "Kind of Blue" (aquí), un dos meus músicos favoritos do xénero. Pois ben, parte deste gran traballo, considerado por moitos (entre os que me inclúo), o mellor disco da historia do jazz, ten moito que ver co artista do que hoxe falamos.

Bill Evans, participou na creación deste álbum e na súa gravación. Era el quen tocaba eses acordes limpos sobre os que Miles Davis soleaba coa súa trompeta. Se tivese que dicir quen influiu a quen, sería moi complicado. Si ben é certo que Miles Davis foi moi marcado por Bill Evans na creación do Kind of blue, pero tamén Bill, arrastrou do seu traballo con Davis, unha forma de traballar insistente e perseverante que o levou a unha técnica refinada e a unha presenza e soltura impresionantes.

Bill Evans tardou en ser recoñecido, e de feito foi moi criticado pola súa rixidez á hora de compoñer e por seguir sempre a mesma liña temática nos seus discos.

Críticas totalmente inmerecidas, pois, a obra que deixou (non moi extensa) é única e inigualábel.

Escoitaredes un tema chamado "The days of wine and roses", pouco destacado entre a súa producción pero dunha calidade impresionante. Escoitaredes un swing pouco marcado, case non é nin swing. De feito, as dificultades que tiña para facer swing nos solos foron moi criticadas no seu momento. Fixádevos na técnica refinada, un toque de teclado limpo, case sen empregar os pedais (non os necesita), ningunha nota se solapa, ningunha nota fora do seu lugar.

É interesante fixarse tamén no diálogo que se crea entre o piano e o contrabaixo que chegan a se liar nunha especie de debate serio e tenso ao mesmo tempo.

Desgrazadamente, e como pasoulles a moitos, as drogas remataron coa saúde de Bill Evans e deixounos no ano 1980, con tan so 51 anos. Canto lle quedaría por mostrarnos? seguro que non pouco.

Escoita "The days of wine and roses" (do álbum "Waltz for Debby", 1961)

No hay comentarios:

Publicar un comentario