domingo, 4 de abril de 2010

08: Jazz para atrevidos: Demian Cabaud

Demian Cabaud é sen dúbida un dos atrevidos da música. É un artista actual moi contemporáneo que seguindo os esquemas tradicionais do jazz, parte coa súa propia forma da ser.

Músico arxentino de pouca idade, vive e traballa en Lisboa. O seu primeiro traballo discográfico, "Naranja", contén 7 temas orixinais entre os que se atopa "Grounding", un dos meus favoritos. O nome deste tema ven dunha especie de xogo de palabras que Demian Cabaud explicou nun concerto ao que tiven a fortuna de asistir.

"Naranja", é un disco moi sinestésico. Os temas van acompañados de pinturas, e as pinturas, suxiren os temas. É unha música colorística, cun derroche sentimentalista moi estrano. Case sintético, hai que escoitalo.

Dicía que o noso artista de hoxe fai música para atrevidos. Son composicións moi complexas, nas que parece que os instrumentos se mesturan sen sentido algún. Ás veces semella que se seguen liñas rítmicas totalmente diferentes ou que varios instrumentos fan un solo ao mesmo tempo. Nada máis lonxe da realidade. Como toda linguaxe, a da música hai que entendela. Nun principio, os temas de Demian Cabaud poden non entenderse, como cando collemos un texto filosófico. Temos que lelo e relelo ate sintetizalo para poder desfrutar do que realemente transmite. Aquí pasa o mesmo, paga a pena facer un esforzo.

Un talento impresionante, unha actitude ante a vida e unha incríbel filosofía sobre a música, converten a Demian Cabaud nun dos grandes entre os grandes

Como experiencia persoal, tiven o privilexio de asistir a unha Master Class con el, a un concerto seu e de compartir conversa nunha Jam Session en Pontevedra.

Escoitade "Grounding", paga a pena.
Raúl Constela Lorenzo
raul@raulconstela.com

No hay comentarios:

Publicar un comentario