miércoles, 30 de noviembre de 2011

Tirando da corda cos Dead Kennedys


En marzo do ano 1980 Dead Kennedys foron convidados á entrega en San Francisco dos Bay Area Music Awards, unha entrega de premios argallada pola revista BAM (Bay Area Music), e destinada a artistas do “mainstream” californianos, onde os organizadores pretendían darlle credibilidade ao seu evento levando a estes catro revoltosos rapaces a tocar.

Durante a cerimonia a banda interpretaría o seu éxito "California Über Alles", e durante os ensaios previos á cerimonia dedicáronse a practicar o tema. Xa metitos en materia, os Dead Kennedys comezaron a tocar a canción prevista, pero aos 15 segundos de actuación Jello Biafra interrumpiu a música cun "Alto aí! Temos que probar que agora somos adultos. Non somos unha banda de punk rock, somos unha banda de new wave". Acto seguido, os catro compoñentes, vestidos con camisolas brancas cun gran "S" negro pintado, tiraron dunha garavata negra que tiñan nas costas, formando así un gran símbolo do dólar. Comezaron a tocar entón "Pull My Strings", un tema composto para a ocasión que atacaba de xeito moi directo á industria musical. Frases como “I'm tired of self respect/I can't afford a car/I wanna be a prefab superstar” (esou canso de de respetarme a min mesmo/non podo permitirme un coche/quero ser unha estrela prefabricada) ou “Is my cock big enough/Is my brain small enough/For you to make me a star”. (é a miña pirola grande dabondo/é o meu cerebro o suficientemente pequeno/para que me fagas unha estrela) apoiaban de maneira contundente a mensaxe da canción. Ademais facían un par de referencias moi directas: unha a The Knack, que neses momentos triunfaban co seu hit "My Sharona", tocando a melodía dese tema un par de veces pero con Biafra repetindo a palabra “drool” (babear) e cambiando o “My Sharona” por “my payola” (meu suborno); e a outra ao cómico Bob Hope falando da hipocresía e do abuso das drogas que rodea ao mundo do espectáculo.

"Pull My Strings" unicamente sería interpretada ao vivo nesa ocasión, pero esa gravación, de case 6 minutos de duración, sería incluída no recompilatorio Give Me Convenience or Give Me Death, editado no ano 1987. Evidentemente a banda non volvería a ser convidada a ningunha cerimonia máis dos Bay Area Music Awards, cousa que dubido que lles importase o máis mínimo unha vez logrado o seu obxectivo, e estes premios seguirían entregándose un feixe de anos máis, aínda que cambiarían o seu nome polo de California Music Awards.

Por desgracia non existe ningún video que documente ese glorioso momento dos Dead Kennedys (e se existe debe estar ben agochado), así que vos deixo coa gravación en audio da canción acompañada polas súas letras na descrición do video. Gozádea!

1 comentario: