lunes, 14 de noviembre de 2011

Vivindo no templo do can


Corrían os primeiros meses do ano 1990 na efervescente escena da cidade de Seattle cando unha prometedora banda, destinada segundo moitos a converterse nunha das mellores dos anos 90, acabara de rematar a gravación do seu álbum de estrea. A publicación do mesmo, bautizado como Apple, estaba prevista para o mes de marzo, porén, o día 16, antes do lanzamento, o seu carismático líder Andrew Wood foi atopado pola súa moza en estado
comatoso cunha sobredose de heroína. A pesares de que o seu corpo respostou positivamente ao soporte vital ao que foi conectado, Wood sufrira un aneurisma que rematara con todas as súas funcións cerebrais, polo que tras tres días no hospital os médicos decidiron desentubalo. Asinábase así o fin desta frustrada banda, Mother Love Bone.


Pero a historia deste grupo non é o que nos vai a ocupar o día de hoxe. Dous dos membros de Mother Love Bone eran o guitarrista Stone Gossard e o baixista Jeff Ament, que anteriormente tocaran xuntos na influinte Green River. Despois da morte de Wood, Jeff e Stone distanciáronse; o primeiro barallou deixar o mundo da música trala perda do seu compañeiro, mentres que o segundo pasou un tempo compoñendo e comezou a quedar cun vello amigo e guitarrista chamado Mike McCready. Despois de varios meses de ensaios,
Gossard tivo o valor de volver a falar con Ament e o trío barallou a posibilidade de crear un novo grupo.

Por outra banda, nos meses que seguiron á morte de Wood, o seu compañeiro de piso e líder de Soundgarden, Chris Cornell, compuxo dous temas como homenaxe ao seu amigo "Reach Down" e "Say Hello 2 Heaven". Coa única intención de publicalos como sinxelos falou con Gossard e Ament e acabaron creando o supergrupo Temple of the Dog, facendo referencia co nome á letra do tema de Mother Love Bone "Man of Broken Words", para renderlle tributo ao seu camarada falecido. Para completar a formación uniríanse a eles Mike McCready, o baterista de Soundgarden Matt Cameron e un descoñecido Eddie Vedder, que acababa de chegar a Seattle para ser o posible novo vocalista do trío antes mencionado.

O grupo comezou a ensaiar as cancións compostas por Cornell xunto cun feixe de demos de Gossard, Ament e Cameron. A idea de facer versións de temas en solitario de Wood foi descartada ao pouco tempo, xa que non querían aproveitarse de material alleo e preferían centrarse en composicións propias. Tamén foi descartada a edición dos sinxelos, e comezouse a pensar na gravación dun EP ou mesmo dun álbum. Finalmente decantaríanse por esta última opción, e os temas serían gravados en 15 días baixo a produción dos propios integrantes da banda, sen presións de ningunha casa discográfica.

O traballo homónimo, formado por 10 temas, foi editado o 16 de abril de 1991, xusto un ano despois de que Andy Wood entrara no hospital. O selo A&M foi o encargado de publicalo, pero, a pesares das boas críiticas, o disco só vendería inicialmente 70.000 copias nos Estados Unidos e quedaría fóra das listas. Só despois de máis dun ano, no verán de 1992, a discográfica decatouse do potencial dun álbum onde se combinaban os esforzos de Soundgarden cun xa recoñecido Pearl Jam, relanzando Temple of the Dog e promocionando "Hunger Strike" como sinxelo cun videoclip de seu. Finalmente o disco acabaría por superar o millón de copias vendidas, e tanto o álbum como o sinxelo entrarían nas listas da Billboard.

Mentres tanto, a banda realizaría só un feixe de curtas actuacións ao vivo dende novembro de 1990 ata setembro de 1992. Nese tempo o trío que iniciaran Gossard, Ament, e McCready pasara a quinteto, coa inclusión de Eddie Vedder e do baterista Dave Krusen, conformando así Pearl Jam. Curiosamente, en outubro do ano 2003, nun concerto en Santa Barbara, California, Chris Cornell uniríase no escenario a Pearl Jam, facendo así que se reunise Temple of the Dog, xa que Matt Cameron viña sendo baterista da banda dende 1998; xuntos interpretarían "Hunger Strike" e "Reach Down". No ano 2011 Cornell volvería a xuntarse a eles en varias ocasións, tocando temas de Temple of the Dog e Mother Love Bone.

Para rematar deixovos co videoclip do tema "Hunger Strike", onde podemos escoitar o marabilloso dueto entre dúas das grandes voces da música grunge, Chris Cornell e Eddie Vedder; agardo que a gocedes.

No hay comentarios:

Publicar un comentario