martes, 8 de noviembre de 2011

O ano no que o punk rebentou

Hai pouco máis de 20 anos, no mes de agosto de 1991, a banda neoiorquina Sonic Youth iniciaba unha xira europea de dez datas, acompañada duns aínda pouco coñecidos Nirvana como teloneiros. Os membros do grupo preguntáronlle ao seu amigo e realizador Dave Markey se podía acompañalos coa súa Super 8, inicialmente coa única intención de documentar o seu paso por Europa e talvez realizar unha edición caseira co material filmado. Markey aceptou o convite e viaxou con eles durante os 14 días que durou a xira.

O material sería editado e publicado no ano seguinte, pero desafortunadamente a publicación en VHS foi realizada pola pequena distribuidora Tara Films, e tivo escasa repercusión por estos lares. Incluso na internet, a única forma de velo dun xeito medianamente entendible para persoas coma min, con dificultades para entender o inglés falado, era na súa versión orixinal con subtítulos en francés. Así que para poder gozar completamente de 1991: The Year Punk Broke moitos tivemos que agardar a setembro deste ano, cando, grazas ao persoal de Sonic Youth que se encargou de impulsar e supervisar a nova edición, este foi publicado por vez primeira en DVD, cos seus correspondente subtítulos e 60 minutos de extras ademais do material orixinal.


O video, onde un Thurston Moore amosando a súa cara máis aloucada actúa como conductor da cinta, amósanos a viaxe das dúas bandas polo vello continente, pero non se trata dun documental ao uso; nel mestúranse distintas actuacións de
Sonic Youth e de Nirvana polo seu periplo europeo con imaxes filmadas entre os concertos, coas peripecias dos seus membros en hoteis, camerinos e paseos polas distintas cidades que visitan. Markey, cunha única cámara e sendo o único responsable da rodaxe, sinxelamente se dedica a seguir a ambolosdous grupos e a gravar as súas trasnadas e ocorrencias, sen ningún tipo de guión establecido. Así podemos ver moitos divertidos momentos, nos que se mesturan as peculiares personalidades dos protagonistas cun certo abuso de determinadas substancias ilegais, como o duns Dave Grohl e Krist Novoselic xogando coa comida do seu camerino, unha Kim Gordon maquillando aos rapaces de Nirvana antes de sair a tocar, un
Kurt Cobain facendo unha imitacion de Kevin Costner, ou un Thurston Moore, protagonista en case toda a cinta, facendo un repaso dos distintos tipos de salchichas alemás.


Ademais, a cinta ten o interese de que, aparte dos dous grupos protagonistas, se intercalan actuacións e aparicións doutros artistas que van coincidindo con eles a medida que a viaxe avanza. Así podemos atoparnos tamén temas ao vivo de Dinosaur Jr., Babes in Toyland, Gumball e incluso os Ramones; e a aparición de, ademais dalgúns dos membros das citadas bandas, Mark Arm, Dan Peters e Matt Lukin de Mudhoney, e a señorita Courtney Love, que naqueles tempos andaba nunha relación con Billy Corgan, líder dos Smashing Pumpkins.
Musicalmente atopámonos magníficas interpretacións a vivo de temas xa clásicos de ambalasdúas bandas, como poden ser unhas enérxicas “Teenage Riot”, “Dirty Boots” ou “Kool Thing” duns Sonic Youth en plena forma; unhas agresivas “School” e “Smells Like Teen Spirit” por parte de Nirvana; ademais dunha deliciosa “Freak Scene” de Dinosaur Jr. ou unha ruidosa “Dustcake Boy” de Babes in Toyland.

Nos seus extras por unha banda atopámonos, co título (This Is Know As) The Blue Scale, 40 minutos máis de trasnadas e directos, estos últimos principalmente de Sonic Youth, destacando os problemas que chegou a ter Nirvana con MCA, que distribuía os traballos de Geffen en Alemaña, por unha broma de Kim Gordon; todo isto poucas semanas antes do lanzamento do Nevermind. Por outra banda temos unha rolda de prensa chamada Broken Punk - 12 Years After, e como ben di o título celebrada 12 anos despois, onde algúns dos protagonistas da cinta falan do proceso de creación de 1991: The Year Punk Broke. Ademais disto o DVD ten incluidos 6 minutos máis de imaxes acompañadas dos temas “Mote” e “Flower”, unha edición alternativa de “Teenage Riot” e o trailer do documental.

En definitiva, un magnifico documento sobre o ano no que o mundo do rock comezou a cambiar, de obrigada visualización para todos os amantes do rock alternativo en xeral e do grunge en particular.

2 comentarios: