jueves, 2 de febrero de 2012

Montando no cisne negro


Se hai un disco maldito na miña discografía este é
"Mary Star of the Sea", do breve proxecto paralelo montado por Billy Corgan a principios de século que recibiu o nome de
Zwan. O de maldito ven porque a súa edición coincidiu cun momento moi delicado da miña vida e, despois das súas primeiras escoitas íntegras, durante moito tempo fun incapaz de poñelo enteiro. Afortunadamente o tempo vai acabando con todo o que se lle pon por diante e hai uns días puden gozar novamente dese delicioso traballo.

Zwan naceu por unha promesa realizada moitos anos antes da súa formación. Billy Corgan e Matt Sweeney fixéranse amigos ao comezo das súas carreiras, e este último chegou a aparecer nos agradecementos do álbum de The Smashing Pumpkins Siamese Dream. Naqueles anos os dous prometeran montar algun día unha banda xuntos, pero Corgan pasou o tempo facéndose famoso coa súa banda, mentres que Sweeney estivo ocupado en Chavez, Guided By Voices e Bonnie “Prince” Billy. Tras a desaparición dos Smashing Pumpkins a finais do ano 2000 semellaba que era o momento perfecto para cumplir a súa palabra.

Foi en 2001 cando Corgan e o baterista Jimmy Chamberlin uníronse a Sweeney para iniciar o seu novo proxecto. A estes uníuselles David Pajo (Slint, Papa M., Stereolab), convidado por Sweeney, para ocupar a posición de baixista, e o cuarteto estreouse a finais dese ano. Na primavera de 2002, a antiga compoñente de A Perfect Circle Paz Lenchantin entraría en Zwan e ocuparíase do baixo, pasando Pajo a empuñar a terceira guitarra.

A banda comezou a realizar concertos de baixo perfil pola área de California, pero a medida que pasaban os meses iniciaron unha xira por pequenas salas, que os ocupau durante parte dos anos 2001 e 2002. O quinteto faría o seu primerio grande concerto no Jamboree Festival de Chicago no mes de maio. Os dous últimos meses dese ano os ocuparían tocando xa en grandes salas do medio oeste e noreste estadounidense, actuando tamén nalgunhas datas como teloneiros de Counting Crows.

Parte dese ano 2002 tamén o dedicaron para gravar o seu único álbum, que vería a luz o día 28 de xaneiro de 2003 co título Mary Star of the Sea, idea dun relixioso señor Corgan que, segundo as súas palabras, atopou consolo e guía na figura da Virxe María. Estou seguro de que non foi obra divina pero, tras escoitar o disco, pode dicirse que algo si cambiou na súa pelada cabeza. Despois duns últimos traballos dos Pumpkins que nos amosaban o seu lado máis escuro, Mary Star of the Sea é un disco que está cargado de optimismo, con cancións alegres e pegadizas e cheas de guitarras que soaban a un rexurdimento da figura de Corgan como compositor tras os irregulares Machina e Machina II. A propia portada e o libreto do mesmo xa nos poden dar unha idea do que nos atopamos dentro.


Do disco sacáronse dous sinxelos cos seus respectivos videos musicais, a guitarreira “Honestly” e a optimista “Lyric”, que son dous bos exemplos do contido do álbum. Trátase dun disco en xeral fresco e alegre, tal vez de máis para o que nos tiñan acostumados os seus compoñentes cos seus anteriores proxectos, e a pesar de que dous ou tres (catro se nos poñemos duros) dos seus 14 cortes son prescindibles, atopámonos ante un magnífico traballo. Sen perder a súa sonoridade en case ningún momento imos dende as máis “pesadas” "Ride a Black Swan" ou "Honestly", ata a tranquila "Of a broken Heart", pasando polas divertidas e deliciosas "Baby Let’s Rock" e "Yeah!", sen esquecernos da "post-roqueira" de 14 minutos "Jesus I/Mary Star of the Sea". En definitiva, un disco cargado de boas sensacións perfecto para levantarlle o ánimo a calquera aberto a el.

Facendo un pequeno inciso, pero sen alonxarnos do tema en cuestión, Zwan realmente tivo dúas encarnacións: a máis coñecida e eléctrica True Poets of Zwan (ou sinxelamente Zwan), da que estamos a falar, e a acústica Djali Zwan, que tamén contaba coa irmá de Paz, Ana Lenchantin, encargada de tocar o cello. Os plans para o seu lado máis tranquilo pasaban por editar un álbum cara finais do ano 2003 e un DVD a comezos do 2004, pero os acontecementos posteriores impedirían que estes se levasen a cabo. Ademais dalgún material ao vivo gravado por seareiros nos directos, e dispoñibles a través da rede, as únicas composicións publicadas baixo o nome de Djali Zwan foron as da banda sonora do filme Spun, dirixido por Jonas Åkerlund (que xa traballara con The Smashing Pumpkins no video de "Try, Try, Try") e no que o propio Billy Corgan fai un pequeno cameo.

Pouco antes da publicación de Mary Star of the Sea, Zwan inciou unha xira de promoción, e nela servidor puido confirmar que Billy Corgan podía parecer unha persoa feliz enriba dun escenario. No seu único concerto no estado, na madrileña sala La Riviera, o quinteto demostrou que, a pesar de levar apenas uns meses tocando xuntos, tiñan moitas táboas sobre o escenario e transmitiron a sensación de estar realmente gozando co que facían. Nun concerto musicalmente impecable, desgranaron todo o seu repertorio, cuns membros da banda, en especial Billy Corgan que ata nas súas roupas e nos seus instrumentos (empuñando unha Flying-V) parecía distinto, resplandecentes.

Pero o que comezou como un proxecto de dous bos amigos rematou cos rapaces tirándose os trastos á cabeza. O 15 de setembro o señor Corgan anunciaba a disolución da banda alegando que gozara co grupo pero que non se sentía como en familia. Ata aí todo normal, pero dous anos despois resumíu as súas razóns para desfacer o grupo con estas tres palabras “Sex and drugs and junk” (sexo, drogas e lixo). Según el o comportamento do resto dos membros non foi demasiado exemplar e deixou de confiar neles. Bromas de mal gusto, excesos nas gravacións e nas xiras, falta de confianza... Pajo e Lenchantin quitaron ferro ao asunto, e Sweeney negouse a falar do tema (supoñemos que Chamberlin tería unha opinión semellante a Corgan, senón non seguirían xuntos uns aniños máis).

Tras a separación, os ex-Pumpkins adicaríanse aos seus proxectos en solitario; Corgan lanzaría en 2004 TheFutureEmbrace, ademais do seu libro de poemas Blinking with Fists, e Chamberlin montaría o proxecto de jazz-rock Jimmy Chamberlin Complex, co que publicaría Life Begings Again en 2005. Sweeney uníuse a Bonnie “Prince” Billy e xuntos facturarían o marabilloso Superwolf. Paz Lenchantin regresaría a A Perfect Circle para gravar cordas e piano no álbum de versións eMOTIVe. E finalmente David Pajo continuaría co seu traballo en Papa M., antes de protagonizar unha breve reunión con Slint.

Tras 10 anos do paso de Zwan pola escena do rock alternativo, a día de hoxe pouca xente se lembra ou escoitou falar deles. Certo é que que non debemos considerala nin de lonxe unha banda que deixase un gran legado musical ou que cambiase algo no panorama alternativo, pero tratouse dun proxecto interesante que recomendo a calquera dos que lean estas liñas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario