martes, 14 de febrero de 2012

Traballando dende o subsolo do pop

 
Actualmente parece que é habitual considerar aos selos discográficos como enviados do mesmo inferno, co obxectivo de chuparnos o sangue e violar ás nosas fillas, mentres sodomizan aos nosos artistas preferidos obrigándoos a asinar abusivos contratos a cambio dunhas porcentaxes ridículas de beneficios. Isto pode ser certo en gran medida (se lle quitades a esaxerada teatralización que acompaño no texto) pero, e sen entrar na cuestión de se a industria discográfica é un modelo de negocio anticuado hoxe en día, non todas as compañías que se dedican a este negocio naceron coa mente posta unicamente en encher os seus petos.

Tal vez moita xente non o saiba, pero a popularización de moitos xéneros musicais cos que gozamos dependeu fundamentalmente dunha serie de xente que traballando dende un selo fixo posible a promoción de determinados estilos e das súas correspondentes bandas. Poderiamos falar de moitos exemplos, pero neste artigo quería centrarme nunha etiqueta clave para entender a música tal como a coñecemos hoxe en día, xa que gracias a ela todos sabemos o que é o grunge. Estou a falar do selo de Seattle Sub Pop Records.

Os orixes deSub Pop remóntanse ao ano 1980, moito antes de darse a coñecer en todo o mundo, cando un rapaz chamado Bruce Pavitt creou en Olympia, Washington, un fancine co título Subterranean Pop. Neste centrábase unicamente en bandas de selos independientes estadounidenses, e no seu cuarto número decidiu acurtar o nome e chamalo sinxelamente Sub Pop. Inspirándose noutro fancine, de nome Fast Forward, comezou a alternar as publicacións con casetes recompilatorios de bandas underground de rock a partir da súa quinta edición. Sub Pop tería unha vida de 9 números en total (6 fancines e 3 casetes), publicándose o derradeiro en 1983. Nese ano Pavitt mudaríase cara a cidade de Seattle, e alí comezou a escribir unha columna no xornal The Rocket co título Sub Pop U.S.A.
O nacemento de Sub Pop como selo podería datarse no ano 1986, cando Pavitt editou o primeiro LP da etiqueta, o recompilatorio Sub Pop 100, con material de artistas como Sonic Youth, Steve Albini, Scratch Acid ou Wipers, entre outros. Coincidindo coa publicación deste disco, a banda de Seattle Green River< decantouse polo selo para o lanzamento do seu segundo EP, Dry As a Bone. Debido a que Sub Pop non contaba cos cartos suficientes, a edición do EP tivo que agardar un ano, ata xullo de 1987. Foi nese 1987 cando Pavitt coñeceu a Jonathan Poneman e este decidíu aportar 20.000 dólares para permitir o lanzamento do sinxelo de estrea doutros músicos locais, coñecidos co nome de Soundgarden. Ao pouco tempo Poneman, centrado sobre todo nos asuntos financieiros e legais, covertiríase no compañeiro de Pavitt ao mando de Sub Pop. Despois de editar a estrea de Soundgarden o selo lanzou o que sería o seu primeiro EP, Screaming Life, no mes de outubro de 1987. A comezos do ano seguinte Pavitt e Poneman decidiron deixar os seus traballos e adicarse exclusivamente a Sub Pop cun presuposto de 48.000 dólares. Segundo as propias palabras de Pavitt, o selo estivo a piques de declararse en bancarrota na primavera dese ano, pero conseguiron remontar a situación e no mes de agosto a etiqueta publicaría o sinxelo que marcaría o inicio da era grunge, “Touch Me I’m Sick” de Mudhoney. Os dous socios de Sub Pop dedicáronse a estudiar a outros selos independentes estadounidenses e chegaron á conclusión de que todos os movementos exitosos dentro do rock partiran dunha base rexional. A actividade musical de Seattle nunca destacara fóra das súas fronteiras, e só era coñecida por ser o berce de artistas que triunfaron máis ala dos límites da cidade, como Jimi Hendrix. Pero, xa dende principios-mediados da década dos 80, unha nova xeración de músicos comezaba a canalizar a súa rabia e frustración a través das guitarras eléctricas, e a cidade era un fervedoiro de actividade. Habería que indicar que Seattle acababa de atravesar unha grave crise económica en anos anteriores e moita xente tivo que abandonala en busca de traballo, despois de que Boeing, principal motor económico da cidade, despedise a máis de 60.000 dos seus 100.000 traballadores. Fíxose famoso un cartel colocado nunha das estradas que entraban na urbe que dicía algo así como “a última persoa en abandonar Seattle que apague as luces” O selo creou unha forte imaxe de marca, chegando incluso a promocionarse máis que ás súas bandas. Creou tamén a etiqueta “Seattle sound” para comercializar o seu produto, e aliouse co produtor local Jack Endino, que axudou a definir o son do selo. Endino, que chegou a realizar 75 sinxelos, EPs e álbums con Sub Pop, traballaba barato e rápido, utilizando practicamente as mesmas técnicas de gravación nas súas producións, o que axudou a uniformizar o seu son. A actividade do selo continuou e no ano 1988 ficharían á banda que anos máis tarde farían estoupar o panorama musical en todo o mundo, Nirvana. No mes de novembro apareceu o sinxelo de estrea do trío de Aberdeen, “Love Buzz”. Este sinxelo tamén sería o primeiro do Sub Pop Singles Club, un novidoso servizo de subscrición polo cal os seus socios recibían un sinxelo mensualmente por correo. Este foi unha das claves do éxito da etiqueta, relacionando o seu nome coa escena de Seattle ademais de xerar un movemento de cartos continuo que fixo que o selo puidese continuar máis tranquilamente o seu traballo. O Singles Club funcionou ata o ano 1993, e posteriormente volvería a funcionar dende 1998 ata 2002 O primeiro motivo polo cal Sub Pop, e en consecuencia a música grunge, comezou a ser coñecida por todo o mundo foi un feito ocorrido en marzo de 1989. Os dous socios eran conscientes de que era moi difícil chamar a atención dos grandes medios estadounidenses, e máis aínda partindo dun selo independiente pequeno. Inspirándose en bandas como Sonic Youth ou Dinosaur Jr. puxeron os seus ollos na prensa británica e convidaron ao xornalista da revista Melody Maker Everett True a coñecer a escena musical da cidade (evidentemente pagándolle a viaxe e co obxectivo de que escribise, a poder ser ben, sobre ela). A xogada saíulles redonda a Pavitt e Poneman e a prensa británica rendeuse ante a Sub Pop e so son de Seattle. Acabábase de poñer a primeira pedra para que Seattle conquistase os oídos de medio mundo. Aos poucos meses publicábase o álbum de estrea de Nirvana, Bleach, ao que Sub Pop non lle deu máis promoción que o resto dos seus lanzamentos. A pesares diso o álbum vendeu ben, aínda que Kurt Cobain amosábase molesto pola falta de esforzos por parte do selo. Kurt decidiu entón asinar cun grande selo, e despois das recomendacións de Kim Gordon, dos ruidosos Sonic Youth, Nirvana acabaría entrando en DGC Records. O seu álbum de estrea co seu novo selo sería Nevermind, cuxa historia coñecemos ben, pero, a pesar de que Nirvana xa non estaba en Sub Pop, a discográfica sacou beneficio do disco. Sub Pop acordara con Geffen Records, a nai de DGC, parte dos royalties de Nevermind, e estes cartos (que como imaxinaredes tiveron que ser moitos despois dos 30 millóns de discos vendidos) permitíronlle a Sub Pop manterse viva durante moitos anos; tamén se acordou a inclusión do logotipo de Sub Pop en todos os lanzamentos de Nirvana, co que o selo gañaba notoriedade; e por último Warner Bros. Records, distribuidora de Geffen, pasaba a distribuír o catálogo de Sub Pop. Coa chegada do éxito de Nirvana a popularidade do grunge acadou o seu punto máis alto. Nese tempo moitas das primeiras bandas de Sub Pop xa abandonaran o selo, e outras moitas foron contratadas por grandes discográficas que estaban ansiosas por facerse cun grupo de Seattle tras o tirón do Nevermind. Pero o traballo de Sub Pop estaba feito, Seattle e o seu son xa tiñan o seu espazo na historia do rock. Pavitt e Poneman comezaron a ter posturas enfrontadas sobre a dirección a tomar coa discográfica. O segundo quería que o selo medrase e tivese máis beneficios e, incapaz de seguir a nova política da compañía tras a alianza con Warner, Pavitt abandonou en 1996 para poder estar máis tempo coa súa familia. A partida non foi amigable, e os antigos socios pasarían anos sen falarse. A etiqueta abriría novas oficinas polo mundo adiante e investiu en novos artistas, pero non conseguíu acadar o éxito entre o grande público, polo que regresou ás súas orixes e centrouse novamente en Seattle. Nestes últimos anos ficharía a bandas como The Postal Service, No Age, Sleater-Kinney, Iron & Wine, Comets on Fire ou Fleet Foxes, entre moitos outros, centrándose na música indie. 

Gran parte da información está tirada da Wikipedia: A enciclopedia libre.

No hay comentarios:

Publicar un comentario