lunes, 12 de diciembre de 2011

O derradeiro vivo de Sonic Youth?

Como supoño ben sabedes a meirande parte de vós, dende hai unhas semanas o estado da banda neoiorquina Sonic Youth é como a do gato de Schrödinger, non se sabe se está viva ou está morta. Toda esta incertidume presentouse a raíz da noticia anunciada a través do seu actual selo, Matador Records, o pasado 14 de outubro; despois de 27 anos de matrimonio, Kim Gordon e Thurston Moore divorciábanse.

Despois do bombazo á banda aínda lle quedaban cinco concertos en Sudamérica a principios do mes de novembro. Dende Matador confirmouse que Sonic Youth tocaría nas datas previstas, pero que non se sabería que pasaría despois, aínda que anteriormente o grupo insinuara que podería gravar material para un novo traballo a finais de ano. O grupo cumpliu os seus compromisos e realizaría os seus concertos en Buenos Aires, Montevideo, Lima, Santiago de Chile e São Paulo.

O 28 de novembro, Lee Ranaldo declarou nunha entrevista que a banda “rematara por un tempo”, pero que se sentía optimista sobre o futuro. Falando sobre a xira sudamericana dixo que fora unha boa viaxe en xeral, con algunhas situacións distintas (referíndose á relación entre Kim e Thurston), e que polo de agora serían os últimos concertos de Sonic Youth. Descartou tamén a posible gravación dun novo traballo, aínda que comentou que tiñan toneladas de material que “seguirán o seu curso”.

Así que, agardando novidades sobre o desenlace final da historia, talvez ese concerto en São Paulo, enmarcado no SWU Music & Arts Festival, sexa o derradeiro desta pioneira e influínte dentro do rock alternativo. O recital foi enteiramente filmado pola organización do evento, e pode que se convirta nun importante documento audiovisual nun futuro, así que vos deixo con el para que o gocedes.

No hay comentarios:

Publicar un comentario