domingo, 25 de diciembre de 2011

Agardando polas ferramentas

Xa van case seis anos dende a publicación do dignísimo 10,000 Days, e case dous dende a súa última xira (aínda que a última vez que pisaron terras europeas foi en setembro do 2007), e moitos dos seareiros de Tool levaban tempo preguntándose cando volverían a escoitarse boas noticias do cuarteto californiano.

Do suposto novo traballo do grupo pouco se sabe, aínda que a súa elaboración ven de longo. Xa no ano 2007 Justin Chancellor falou de que tiñan novo material escrito. Ata o 2009 non se soubo máis, ata que nunha entrevista preguntáronlle a Adam Jones sobre ese novo disco, ao que respostou que tanto el como Justin tiñan composto algo, pero Maynard estaba demasiado ocupado co seu viño (o señor Keenan e propietario das bodegas de viño Caduceus, dunha calidade bastante decente segundo os expertos na materia), e non traballaran xuntos nalgún tempo. A comezos deste ano o Twitter da banda bromeaba co tema, e posteaba a seguinte mensaxe: "Hot off the presses. New TOOL Album to be released on April 1st, 2009. Pre-order yours NOW! Title: "Chinese Democracy Deux" Bon Appetit'!" (que podería traducirse como: "Recén saído das prensas. O novo álbum de TOOL será editado o 1 de abril do 2009. Encargue o seu AGORA! Título: "Chinese Democracy Deux" Bon Appetit'!"), facendo alusión ao famoso disco dos Guns N’ Roses, o que nos daba unha pista de que o álbum podía ter para longo.

Hai unhas semanas, dende a súa páxina web tiveron que desmentir os rumores que se estenderon a través da rede sobre a inminente finalización do seu quinto álbum de estudio. Este ruxe-ruxe debeuse a un malentendido, cando se anunciaron os progresos do novo traballo do proxecto paralelo do baterista Danny Carey, Volto!. Nunha extensa mensaxe colgada no seu sitio oficial, bastante inintelixible para quen non entenda a xerga usada na mesma, facíanse eco do traballo de Volto!, pero entre a confusión moitos dos lectores interpretaron que falaba de Tool. No post mencionábase tamén a posibilidade dunha xira da banda, e bromeando dicían que se sentían demasiado vellos para andar tocando por aí. Así que tocaba seguir agardando, nin novo disco nin nova xira de Tool.

Pouco tempo despois anunciabase que Puscifer, o proxecto paralelo de Maynard James Keenan, faría unha serie de concertos nos Estados Unidos durante os meses de febreiro e marzo do 2012, polo que tocaba agardar aínda máis.

Pero finalmente hai uns días chegou unha boa nova, Tool confirmaba unha xira de inverno polos Estados Unidos e Canadá. Son 18 datas confirmadas durante os meses de xaneiro e febreiro, e polo de agora non se sabe nada de se se atreverán a cruzar o charco para achegarse por estes lares, pero tras tantos meses de espera son noticias alentadoras. Agardamos pois con ansia que se confirmen novas datas por Europa e poder ter a Tool a tiro en pouco meses.

No hay comentarios:

Publicar un comentario