jueves, 12 de enero de 2012

Sinxelamente... ruído (Parte 1)

Teño que recoñecer que, durante os meus primeiros anos de adición ao rock, molestábame moitas das habituais frases da miña nai adicadas a miña afición, destacando a que rezaba “iso non é máis que ruído”. Co paso dos anos, a medida que o meu abano musical se abría, a palabra “ruído” foi collendo un significado menos molesto, e na actualidade, a pesar de que na familia xa están bastante máis afeitos, resposto fachendoso cun “tes razón, non é máis que ruído”.

A miña introdución ao apaixoante mundo do noise rock foi grazas a unha das bandas que máis “popularizou” este xénero, os meus adorados Sonic Youth. Cara finais dos anos 90, cando na televisión aínda se podían ver de cando en vez cousas interesantes (falo da xeneralista, xa que daquela só tiñabamos media ducia de canles), unha actuación dos neoiorquinos onde se adicaban a “xogar” cos seus instrumentos e trebellos chamoume a atención e comezou a picarme a curiosidade. Foi entón cando comecei a facerme coa discografía da banda; daquela só tiña na miña colección o seu álbum Dirty dende facía un par de anos pero, entre que o meu poder adquisitivo non me permitía mercarme apenas discos, que no meu círculo de amizades non se estilaba moito ese tipo de músicas, e que internet era algo bastante descoñecido, tardei en ir facéndome cos seus discos. E así, aos poucos, fun descubrindo máis sobre este mundo.

Pero, que é iso do noise rock? Pois basicamente o noise rock é un xénero que adopta a instrumentación e a iconografía do rock, pero facendo un uso abusivo da distorsión e a atonalidade, frecuentemente sobre estruturas pouco convencionais, todo iso dende unha aproximación normalmente agresiva e a un volume excesivo, así de sinxelo. Esteticamente adoitan a ser bandas cun xeito de vestir espartano, adoptando a imaxe das bandas de hardcore punk contemporáneas ao seu nacemento, aínda que existen notables excepcións, con presentacións moi teatrais. En canto ás letras non adoitan a ter mensaxe político, e moitas veces ningún tipo de mensaxe en absoluto, existindo tamén bandas cunha ideoloxía moi definida nas súas composicións líricas.

Entón, despois de todo o escrito anteriormente, se collemos unhas guitarras, un baixo e unha batería, as distorsionamos o máis que poidamos, tocamos o primeiro que se nos veña á cabeza todos á vez, saltándonos os estándares de verso-estribillo-verso..., e aderezamos todo iso cunha boa melodía de voz se nos ven en gaña, xa teremos unha prometedora banda de noise rock, non? Na teoría así é, pero aínda non saiades correndo cara o Cash Converters a facervos cuns instrumentos JP para pecharvos no garaxe e preparar o voso salto á fama. Primeiro, porque non vos faredes ricos facendo ruido, este sempre foi un xénero moi minoritario, aínda que algunha outra banda se dese a coñecer no chamado “mainstream” (iso si, diso hai uns 20 anos); e segundo, porque realmente a xente que se dedica a isto, e o fai ben, non é manca en absoluto; porque dentro de todo ese caos aparente adoita a existir un grao de orde moi ben pensada e controlada.

E de onde ven isto do noise rock? Despois da definición anterior poderíamos pensar que a súa orixe puido ser espontánea; catro frustrados rapaces que se xuntan para facer música e no medio da súa impotencia por non poder facer algo “cool” dedícanse a aporrear os seus instrumentos ata que un deles di: “oe, isto non está tan mal!”. Pois sinto dicirvos que os inicios non foron así. Como case todo na música, todo ven dalgún lado, e a pesar de que o nacemento do noise rock como xénero de seu dátase a finais dos anos 70, xa dende os anos 60 algúns artistas comezaron a experimentar coa disonancia e a distorsión nas súa composicións. Músicos como Jimmy Hendrix ou Neil Young xa empezaba a facer os seus experimentos nesa década; todo isto grazas a que a electrónica musical estaba avanzando a pasos de xigante, e os roqueiros comezaban a ter á súa disposición un bo feixe de novos trebellos cos que poder xogar (este é un feito que permitiu a aparición e evolución de multitude de xéneros, non só do ruído, que vos quede claro).

Ademais de todos os aparellos, o uso dos outros elementos que posteriormente definirían o xénero foi adoptado en gran medida da xeralmente chamada “música noise”, un termo usado para definir a distintas variedades de música de vangarda (entre a que tamén está o noise rock, pero que nos seus comezos tratábase da chamada “música culta”), que tiña a súa orixe na década de 1910, impulsada por movementos artísticos como o futurismo ou o dadaísmo. A música noise adoitaba a usar elementos como cacofonía, disonancia, atonalidade, ruído, indeterminación e repetición nas súas pezas, ingredientes que adoptarían posteriormente moitos músicos e que axudarían a desenvolver a música industrial, a música experimental e, por suposto, o noise rock.

Continuará...


Os señores de Sonic Youth facendo das súas nun bo exemplo da súa forma de entender o noise

No hay comentarios:

Publicar un comentario